PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez pregunta no Parlamento sobre o avance da praga da avespiña do castiñeiro en Galicia

O deputado de En Marea acaba de rexistrar na Cámara galega unha pregunta sobre esta problemática, que está afectando a zonas de montaña “onde o ano pasado non estaba”
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez Estévez./ Foto: Carlos G. Hervella.

Sobre as actuacións que está a acometer a Xunta de Galicia para frear a praga da avespiña do castiñeiro, que está a afectar aos soutos da comunidade, preguntará no Parlamento galego do deputado de En Marea Davide Rodríguez, de Manzaneda. Vén de presentar unha pregunta para a súa resposta oral na Comisión 7ª da Cámara galega.

“O sector da castaña, sector emerxente na Galiza despois dun latente abandono dende os anos 80, está de novo ameazado polo posible avance da avespiña do castiñeiro. Galicia é a principal comunidade autónoma de España en produción e exportación de castañas. Na última campaña superáronse os 20 millóns de quilos, que se traducen nun valor estimado xerado que supera os 100 millóns de euros”, resalta este parlamentario no texto da pregunta.

Ademais indica que “estase a constatar por medio de empresas, cooperativas, produtores e comercializadores a preocupación xeneralizada en toda a Galiza polo avance da praga da avespiña. Hoxe en día a avespiña esténdese con velocidade, sen que medidas como podas ou tala de pés afectados teñan ningún éxito. A praga da avespiña pode ocasionar serios danos económicos na produción de castaña, pero tamén sobre o “patrimonio forestal” dos soutos centenarios que hai na zona oriental de Galicia”.

O deputado asegura que “as esperanzas do sector do castiñeiro están postas na loita biolóxica contra a praga a través da solta do seu parasito, o ‘Torymus Sinensis’. En Galiza, a loita experimental co ‘Torymus’ iniciouse no ano 2016 coa liberación duns 10.000 exemplares do insecto nas provincias de Lugo e Ourense, as de maior presenza do problema, e foise incrementado ata o ano pasado. A capacidade da praga para multiplicarse de ano en ano é a principal preocupación do sector, pois cada femia da avespiña do castiñeiro pode poñer entre 100 e 200 ovos por campaña”.

Tamén recorda que “nesta comisión aprobouse unha iniciativa do Partido Popular onde se anunciaba a solta masiva de Torymus. Pero a día de hoxe vemos como a avespiña segue a avanzar chegando a zonas de montaña onde o ano pasado non estaba, e onde a poboación ten un descoñecemento total de que é, como se xestiona a eliminación desta, ou o descoñecemento de si soltaron Torymus na zona (polo que non é recomendable a eliminación das bugallas).

Ante isto o deputado de En Marea pregunta, para a súa resposta oral en Comisión, “cal é o estado de avance da praga actualmente, a que concellos de Galiza afecta na actualidade, cales son os resultados da solta masiva” e se a Consellería do Medio Rural pensa “informar debidamente, e concello por concello, desta praga”.

Artigos relacionados

Back to top button