
No pleno ordinario do Concello de Folgoso do Courel celebrado o pasado venres resultaba aprobada por unanimidade unha proposta de alcaldía para a modificación do orzamento en vigor baixo a modalidade de crédito extraordinario para axudar ao sector da hostalería afectado polos incendios deste verán.
“Os incendios forestais iniciados o 14 de xullo de 2022 afectaron gravemente a actividade turística do municipio, que sufriu considerables consecuencias desde a produción dos lumes ata a actualidade, padecendo os hostaleiros da contorna importantes prexuízos económicos desde entón. Os incendios provocaron entre outros prexuízos, danos materiais ocasionados nas propios instalacións e infraestruturas hostaleiras, o peche da actividade ata a estabilización da situación incendiaria, así como o inevitable detrimento sufrido polo municipio en xeral no que respecta á actividade turística, o que se evidenciou principalmente na cancelación de reservas durante toda a época estival”, sinala o Concello de Folgoso do Courel.
E por iso que deste xeito o Concello de Folgoso do Courel quere amosar “súa intención de contribuír economicamente a paliar as consecuencias económicas negativas producidas como consecuencia dos incendios forestais de xullo aos hostaleiros do municipio. O anexo de subvencións que acompaña ao orzamento vixente non fai referencia a estas axudas nin existe dotación para afontar ditos gastos, polo que foi preciso realizar unha modificación orzamentaria de crédito extraordinario de cara a ter crédito adecuado e suficiente para a execución dos gastos, para posteriormente proceder a modificar o anexo de subvencións que acompaña ao orzamento municipal do ano 2022”.
O crédito será financiado con cargo ao remanente líquido de tesoureira para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio anterior e ascenderá a 15.000 euros.
Unha vez remate o período de reclamacións o Concello de Folgos do Courel elaborará as bases que van rexer estas axudas para que o sector poida solicitalas.