
Hai un cuarto de século o entorno da pequena aldea valdeorresa de Santoalla (Petín) quedaba para sempre prendido á historia de Xonxa, a protagonista do filme “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro. Así esta localidade convertíase en escenario da rodaxe dunha das tres primeiras películas galegas. A súa estrea tiña lugar en novembro de 1989, xunto coa doutros dous filmes “Urxa” e “Continental”. Para conmemorar o 25 aniversario deste feito a Xunta de Galicia vén de presentar a programación especial “CineGalicia 25”.
Este programa inclúe unha exposición conmemorativa, que será inaugurada o venres 21 e se abrirá ao público desde o sábado 22 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, e un amplo ciclo de proxeccións no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a partir do martes 25, ademais de colaborar coa Academia Galega do Audiovisual e a Televisión de Galicia na realización do documental “Cine en Galicia: 25 anos despois”.
A través do conxunto de actividades que promove a Consellería de Cultura e Educación, réndese tributo aos artífices daquel momento fundacional para o cine galego contemporáneo, ao tempo que se pon en valor o camiño percorrido desde entón. Así, como explicou o conselleiro, a exposición ‘CineGalicia 25’, que poderá verse no Museo Centro Gaias ata o 8 de febreiro de 2015, convida a unha viaxe por esta traxectoria poñendo de relevo o significado do cinema feito en Galicia como “expresión do imaxinario colectivo do país”.