CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Inma Núñez, poetisa de Rubiá: “Escribir obriga a poñer as ideas en orde e a pensar no lugar no que estás”

Esta moza valdeorresa vén de ganar o XXIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño co seu primeiro poemario "Unha casa onde vivir"

A poeta valdeorresa Inma Núñez, ganadora do XXIII Premio Fiz Vergara Vilariño./ Cedida.

 

Un poemario “optimista, que trasloce un coñecemento, tanto real como fondamente imaxinario, da materia vivida e lírica, que trata con emoción e enxeño un reencontro co territorio. No que se chega a ideas complexas con palabras de alento doméstico, sendo sempre un son que convoca algo vencellado ao canto e nunca ao reclamo”. Con estas palabras describe o xurado do XXIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño ao poemario ganador desta edición do galardón, “Unha casa onde vivir” da valdeorresa Inma Núñez Núñez.

Este era ademais o primerio poemario desta moza, natural de Rubiá, á que collía por sorpresa o galardón, polo que se sente moi ilusionada. “Sempre lin poesía e tamén escribín algún que outro poema, pero foi hai un dous anos cando empecei a facelo xa dun xeito máis continuado. De feito, ganei un segundo premio de poesía cun poema e iso levoume a pensar que quizais podería facer algo máis serio como é un poemario”, conta a poetisa.

E así xurdía “Unha casa onde vivir”, que presentaba a un par de certames e o resultado era ganar o Premio Fiz Vergara o pasado 29 de outubro. “Alegroume moito porque ás veces veste a ti mesmas e non estás segura de se o que escribes está ben ou ten algún valor. Entón que o xurado dun premio o escolla, faite pensar que igual non está tan mal”, engade Inma Núñez.

O poemario presenta unha estrutura que segue, en xeral, as distintas partes nas que está dividida unha casa e a súa autora cualíficao como “animista, con múltiples referencias a animais ou a elementos como o vento”. A través del plasma a súa vinculación co territorio, “supoño que cando vives nun sitio ou és dun lugar e é dende alí dende onde escribes, resulta moi difícil separarte diso”. Esta obra, que remata coa autora saíndo desa casa “onde vivir”, está escrita en verso libre, principalmente.

Para o xurado do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño (composto por Eduardo Estévez, Marga Do Val e Jesús Castro, actuando como secretaria María Casar e como presidente César No Cortiñas), “Unha casa onde vivir” é unha “obra con conciencia de clase que refusa o panfletario ao integrar de xeito naturalizado unha visión política da vida” e remata destacando que os seus poemas, “á vez que son un elo dun conxunto sólido, teñen entidade propia. Isto ofrece unha dobre dimensión do libro, estruturado con sumo coidado e intelixencia lírica”.

Para Inma Núñez esta obra implica tamén un punto de partida como autora e mesmo vén de revelar a súa faciana poética ao seu entorno máis próximo. “Non era algo do que falase moito porque na vida fas moitas cousas e non falas de todas elas, por iso recibiron a nova do premio con bastante sorpresa, pero a verdade é que sentín que todo o mundo estaba moi ilusionado e iso resulta moi bonito”.

Esta valdeorresa reivindica tamén a importancia de escribir “en xeral, facelo sempre é unha boa nova, aínda que sexa escribir simplemente a listaxe da compra. Non tes que ser algo que fagas para dedicarte a isto, non, escribir obriga a poñer as ideas en orde e a pensar no lugar no que estás, permite que ordees a túa cabeza. Polo tanto, xa sexa poesía ou outra cousa, que nos paremos a escribir sempre é unha noticia positiva”.

Inma Núñez recibirá o premio nun acto que, aínda que non ten fixada a data, prevese que sexa entre finais de novembro e principios de decembro.

 

Artigos relacionados

Back to top button