CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Colexio Divina Pastora de Ourense, 2º premio do IV Concurso Pilabot de recollida de pilas usadas

Dos centros concursantes, 24 participaran tamén nas 3 convocatorias anteriores, como o CRA Amencer, premiado por 4º ano consecutivo, e 65 debutaron este curso

 

Neste venres entregánbase os premios correspondentes aos catro centros gañadores —un instituto lucense e tres colexios ourensáns— do concurso escolar Pilabot para a recollida de pilas, baterías usadas e acumuladores, que este curso celebrou en Galicia a súa cuarta edición e no marco do cal se recompilaron máis de 46 toneladas —46.649 kg— deste tipo de residuos.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participaba neste acto, que congregou no Museo Pedagóxico de Galicia a un cento de asistentes, entre os que se atopaba profesorado, alumnado e familias dos catro centros escolares galegos que lograron as mellores cifras de recollida no marco desta cuarta edición do concurso. Durante o evento, Pérez destacou o crecente interese que a campaña esperta na comunidade educativa, que ademais de cubrir todas as 150 prazas dispoñibles e manter unha lista de agarda de máis de medio cento de colexios, incorporou nesta edición a 65 centros debutantes.

Ademais, a directora xeral tamén puxo en valor a importancia de iniciativas como Pilabot para concienciar á mocidade da necesidade de reciclar correctamente un residuo moi contaminante e do que o ano pasado se recolleron cifras récord en Galicia, con máis de 396 toneladas de pilas de orixe doméstica, cun incremento do 22,61% respecto a 2021. Unha tendencia que se ten disparado, salientou, desde a posta en marcha do concurso no ano 2019, polo que destacou o “efecto positivo” que ten esta iniciativa sobre a reciclaxe doméstica de pilas, baterías e acumuladores.

Os centros premiados

En canto aos centros premiados, o IES Muralla de Lugo levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller máis de 4,6 toneladas de pilas nas súas instalacións —en concreto, 4.654,45 kg—. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, foi segundo, con 2.346,95 quilos recollidos.

“Pechamos o curso académico dos nosos 25 anos recibindo en Santiago de Compostela, Mupega, o segundo premio da IV Liga de Recollida de Pilas Usadas Pilabot. Máis de dúas toneladas recollidas avalan ao noso grupo de intervención ambiental, coidando de que este perigoso residuo non acabe nun contedor ou nun río”, indican dende este centro ourensán.

 

 

No que atinxe á categoría de mellores taxas de recollida por alumno, o gañador foi o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, cunha media de 99,53 quilogramos por estudante. O CRA Amencer de Ribadavia –gañador desta mesma categoría na pasada edición do concurso- obtivo a segunda posición, con 43,03 kg recollidos por alumno.

Os catro centros recibiron un premio económico —de 2.500 euros para os gañadores de cada unha das categorías e de 1.250 para os segundos— que deberán destinar, en todo caso, á compra de material escolar ou deportivo.

Durante as catro edicións desta iniciativa, a actividade estrela foi sempre o concurso de recollida de pilas, baterías e acumuladores no que os 150 colexios participantes compiten entre si por demostrar o seu compromiso coa recuperación destes refugallos. A tal fin, os organizadores subministran a cada centro os bidóns para facilitar a recollida durante un período de 6 semanas así como material informativo e merchandising.

Certame de cartel publicitario

Así mesmo e como en edicións anteriores, tamén se convocou o concurso artístico e creativo #EuSonPilabot, aberto á participación dos 32.000 escolares que estudan nalgún dos centros de educación primaria e secundaria inscritos este curso na campaña.

No acto, entregouse unha tableta a 3 dos 5 gañadores deste certame —2 dos nenos premiados non asistiron polo que se lles fará chegar o seu regalo—. Os participantes galardoados foron, neste caso, Noa Remuiñan Rojo, do CEIP Castelao de Ordes; Sara Mencía Quintía Pan, do CEIP Torre de Hércules da Coruña; Uxía Rodríguez Ramos, do Colexio Lar de Mos; Saúl José Hernández Cortez, do IES San Tomé do Freixeiro de Vigo; e Ana Lestao Ben, do IES Perdouro de Burela

Ademais dos concursos, a campaña incluíu a realización de 50 talleres didácticos para poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa.

Artigos relacionados

Back to top button