EconomíaEconomíaÚltima hora

O Eixo Atlántico presenta a primeira axenda de propostas para combater o despoboamento no interior de Galicia e do Norte de Portugal

As medidas para o reto demográfico foron debatidas esta mañá en Mirandela entre responsables políticos e os colectivos do interior que participaron na elaboración do informe a través das súas achegas

 

O Eixo Atlántico elaborou a primeira axenda de propostas para combater o despoboamento reforzando o eixo interior, que vai desde Lugo ata Mirandela (Trás-os-Montes), e favorecer a cohesión do territorio. Esta mañá, reuniu a responsables políticos dos dous países, á redactora do estudo, María Xosé Rodríguez Galdo, e a 80 persoas dos colectivos que traballan no eixo interior entre Lugo e Mirandela para debater as propostas contidas na axenda.

Así mesmo, as medidas foron trasladadas, na mesma xornada, á Secretária de Estado de Desenvolvimento Rexional de Portugal, Isabel Ferreira, ao vocal asesor da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico de España, Miguel Ángel Pérez Grande, e ao presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, para que sexan tidos en conta na implementación das políticas
para combater o despoboamento e impulsar o desenvolvemento no eixo interior.

“O Eixo Atlántico dá unha gran importancia á cohesión social e territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, para iso, é necesario impulsar medidas de discriminación positiva nos territorios do interior con maior despoboamento para favorecer o asentamento de xente nova e, por tanto, fixar poboación”, aseguran dende esta entidade.

A axenda contén medidas de carácter social, económico, creación de servizos, aspectos relacionados coa educación e infancia e vinculadas co asentamento de poboación en idade reprodutiva, así como políticas relacionadas coa tecnoloxía e a loxística para favorecer a creación de emprego e o emprendemento neste eixo interior.

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, asegurou que: “Debe haber un equilibro entre a zona máis poboada da costa e a máis despoblada de interior. Se o vemos con calma, Mirandela, O Barco de Valdeorras, Lugo ou Bragança, están 150 km máis preto de Madrid que Porto ou Coruña, pero ninguén o percibe así porque hai un problema de infraestruturas, un problema de mentalidade e problemas no territorio que dificultan que a xente poida facilidades para desenvolver a súa vida, e fixar poboación, no interior”.

 

O alcalde do Barco, intervindo no acto.

 

“Desde o Eixo Atlántico queremos propoñer aos gobernos unha serie de medidas queremos e queremos cales son os problemas que tedes as persoas que apostastes por quedarvos nas zonas de interior no canto de emigrar a grandes cidades. A administración debe estar á beira dos administrados”, engadiu.

Júlia Rodrigues, Presidente da Câmara Municipal de Mirandela, afirmou que: “A cohesión social territorial é un problema de importancia. Require un compromiso colectivo e accións concretas, é necesario promover a igualdade de oportunidades e garantir a inclusión social. Para promover un territorio é fundamental unha serie de medidas en diferentes áreas de actuación”.

“Os principais problemas aos que nos enfrontamos os municipios do interior son: o envellecemento da poboación, o despoboamento e a baixa natalidade. Isto é un impacto negativo no desenvolvemento económico. Para enfrontarnos a isto, debemos ter unha vista máis ampla e é, por este motivo polo que estamos hoxe reunidos”, engadiu a presidente de Mirandela. Ademais defendeu a importancia da descentralización da CCDR-N, materia que se debatendo e, sobre a cal, a Secretario de Estado manifestou o seu apoio.

Isabel Ferreira, Secretária de Estado do Desenvolvimento Rexional, explicou que “actualmente hai tres grandes desafíos: o demográfico, que é o que motivou este estudo, o desafío dixital e o desafío polo cambio climático. No ámbito demográfico, o desafío xa non é só un reto local, senón que é problema cun alcance europeo. A nivel da transición dixital é importante aproximar o territorio e as persoas a través das novas tecnoloxías aumentando así o valor ás cadeas económicas. En canto ao desafío climático, os territorios ten que mellorar pero respectando as políticas ambientais sen que iso impida o desenvolvemento socioeconómico”.

Así mesmo, asegurou que é importante un traballo de converxencia da rexión como un todo para corrixir as asimetrías existentes. Explicou que isto é fundamental para promover dinámicas de competitividade e iso conséguese con cohesión territorial. Relativamente ao estudo presentado esta mañá polo Eixo Atlántico, o cal considerou “moi completo e útil”, a Secretaria de Estado asegurou que conteñen “unhas liñas de actuación moi pertinentes, moitas delas xa en consideración por parte do
Goberno”.

María Xosé Rodríguez Galdo, autora do informe, explicou que: “É necesario valorizar o mundo rural. Hai que traballar o sentimento e evitar dar unha visión negativa do rural”. “Hai que definir o rural, xa non son só as actividades agrarias. É fundamental a relación da investigación coas iniciativas rurais. Non hai dimensión neste tema porque, o que coxea, é a gobernanza, os lugares que mellores datos teñen de fecundidade son aqueles con políticas de igualdade exitosas”.

A catedrática da Universidade de Santiago de Compostela defendeu que: “Este estudo ten un carácter aplicable e aspira a ser útil dándolle voz, fundamentalmente, á sociedade civil. A xente nova debe coñecer experiencias de éxito no rural”.

Artigos relacionados

Back to top button