OurenseÚltima hora

O novo talento do audiovisual reúnese en Ourense na Gala OUFF en Curto

Durante a gala, presentada por Sabela Hermida e Simone Saibene, Muchachito deu a nota musical e os asistentes gozaron da estrea en Galicia de “Dispararon al pianista” de Fernando Trueba e Javier Mariscal

 

O novo talento do audiovisual galego e os sectores máis inovadores do mesmo viviron onte a súa gran noite, coa Gala OUFF en Curto, no marco do Ourense Film Festival. Os protagonistas foron os gañadores e gañadoras das seccións OUFF en Curto, da iniciativa Fas Muvis e os OUFF Game Awards, que son a novidade este ano na programación. Unha gala marcada pola “canteira do audiovisual”, que recolleu con entusiasmo o que para algúns era o primeiro premio que recibían, pero que non será o último. Algúns deles, os que non puideron estar na gala, mostraron a súa ilusión mandando un vídeo que se reproduciu durante as entregas. O artista Mon Devane é o autor das figuras que levaron os premiados e que ocuparon un lugar especial no palco durante a función.

A gala comezou á tardiña no Auditorio Munipal coa música de Muchachito dando o toque festivo xa dende antes da presentación, que foi a cargo de Sabela Hermida e Simone Saibene. Muchachito, ou Jairo Perera, tamén é lembrado polo seu grupo Muchachito Bombo Infierno, co que gravou tres discos, levantou ao público dende o primeiro minuto, sendo o Auditorio unha festa inmediata.

Os videxogos foron os protagonistas no primeiro tramo do evento. Os OUFF Game Awards incorporáronse este ano á programación do festival para destacar a relación entre os videoxogos e o cinema. Os primeiros gañadores en subir ao palco foron os gañadores ao Premio á Mellor Innovación, que recolleu Celia Fernández da man de Manuel Piñeiro. O Premio á Mellor Arte foi para Sword of the Necromancer entregáronno Xosé Manuel González e Lola Peláez, da Escola de Arte de Ourense, en representación do equipo recolleuno Inés Mirás, quen reclamou poder “vivir desta industria en Galicia”.

 

 

David Babarro, coordinador das OUFF Game Sessions, entregou o Premio á Mellor Narrativa para Intruder in Antiquonia, representado por Silvia Izquierdo. Finalmente, recolleu o Premio á Mellor Videoxogo Francisco Cavelo, de Yuppie Psycho. Cavelo destacou a importancia dunha iniciativa como OUFF Game Awards cando “hai moi poucos festivais de videoxogos”. Este galardón entregouno Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo. O xurado formado tamén quixo outorgar unha mención especial a Manitas Kitchen.

Logo chegou o turno de Fas Muvis, unha iniciativa que formula un reto de 48 horas a equipos menores de 30 anos: facer unha peza de calquera xénero, de entre 3 e 10 minutos. As bases do Fas Muvis sinalan que se deben destacar algún dos valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais da contorna. Tamén procuran un impacto positivo na transmisión de valores sociais como a igualdade, non discriminación, integración, etc. Cada equipo contou cun orzamento de 600 euros para o seu proxecto. O xurado composto por Bibi Juanes, Sara Valera e Pedro Tizón premiou os traballos de “Prata” de Paula Pereira e “O Rizo” de Xoán Bregua. Os espectadores pudieron desfrutar destas curtas ao final da gala, antes da proxección do filme. Jorge Rubén Sampedro, xefe territorial da Consellería de Cultura, entregou o premio a Paula Pereira e Paulino Pérez, coordinador de Fas Muvis, a Xoán Bregua.

Muchachito volveu ao palco para tocar os temas “Tu nombre” e “Azul” comezando así o último tramo da gala, dedicado ás curtas. Xosé Manoel Rodríguez, membro do equipo do OUFF, otorgou a mención especial para “Tan so o demo lembra” e “De(s)amor”. Despois chegou o recoñecemento aos gañadores dos Premios AISGE a Mellor Actor e Mellor Actriz, das mans da directora Lucía Álvarez. O premio na categoría feminina foi para Lidia Galiana, pola curta “De(s)amor”, e na masculina para François Pageau por “Tegoyo”. Os coordinadores da sección, Laura Guizán e Ricardo Araújo desvelaron a gañadora do Premio do Público, a curta “A Rabia”.

 

 

Por último, César Fernández vicepresidente segundo da Deputación de Ourense entregou a David Fidalgo o Premio á Mellor Curta de Ficción, por “Sandwich cat”. Fidalgo destacou a aposta pola comedia e a animación con este galardón. Susana Ramos, membro da organización do OUFF, otorgou o Premio á Mellor Curta Documental, que foi para “Hondarrak” e recolleuno en representación dos premiados Adriana Páramo, membro do xurado.

O director do OUFF, Miguel Anxo Fernández despediu o evento, sinalando “é un orgullo todo o que acabamos de premiar” xa que os creadores e creadoras que pasaron polo palco son “a canteira do audiovisual”. “Todo o que sexa creación audiovisual e imaxe ten cabida no OUFF”, rematou o director. Muchachito deu as últimas notas da noite para continuar a función co cinema de Francisco Trueba e Javier Mariscal na pantalla, o filme “Disparar a un pianista”.

Estrea de “Dispararon al pianista”

Un thriller de animación para o público ourensá, estrea en Galicia. Esta foi a proposta da organización do 28º OUFF para o peche da Gala OUFF en Curto coa proxección do film Dispararon al pianista, asinado a catro mans por Fernando Trueba e Javier Mariscal. Na década dos 60 e 70, repleta de liberdade creativa e onde se iniciou o movemento musical latinoamericano de éxito planetario: a Bossa Nova, un xornalista musical de Nova York comeza unha trepidante investigación detrás da misteriosa desaparición do pianista brasileiro, Tenorio Jr, habitual de Vinicius de Moraes, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button