A proposta toma o nome da “nosa insigne escritora Rosalía de Castro porque ninguén mellor que ela para relatar o sufrimento de ter que saír do lugar no que nacestes e o lugar onde transcorreu a túa vida, neste caso agravado pola circunstancia de ter que fuxir dunha guerra”, explica a catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Vigo María Lameiras. Ela é a promotora do proxecto Rosalía, que ofrecerá acompañamento e apoio psicolóxico a mulleres ucraínas e os seus fillos e fillas. A iniciativa, voluntaria e altruísta, busca a colaboración de psicólogas, psicólogos e outros profesionais tanto da comunidade universitaria como fóra dela para desenvolver as súas actividades.
Esta actividade xorde en colaboración con SOS Ternópil Galitzia, iniciativa cidadá ourensá de axuda ás e aos refuxiados de Ucraína que xa ten traído varios grupos tanto á cidade de Ourense como á zona de Trives. “Este proxecto ten como obxectivo desenvolver un acompañamento e apoio psicolóxico ás mulleres refuxiadas ucraínas”, sinala María Lameiras.
A psicóloga explica que este acompañamento e apoio “non é terapia” xa que, “as persoas, de partida, teñen estratexias persoais e a resiliencia para afrontar situacións difíciles e traumáticas, como poden ser as que estas mulleres e os seus fillos e fillas están a vivir como refuxiados, fóra da súa contorna e afastados das súas familias, dos seus grupos de referencia, e coa dificultade engadida da lingua”. Segundo explica, “o que queremos é axudarlles a que afronten toda esa situación, de tal xeito que non se complique e que non acaben necesitando axuda psicolóxica”. A iniciativa quere axudar ás mulleres afectadas nese afrontamento, “identificando e estimulando todas esas estratexias persoais que temos as persoas para afrontar as perdas e os traumas”.
Concretamente, o proxecto Rosalía quere ofrecerlles ás mulleres ucraínas coa colaboración de SOS Ternópil Galitzia “un espazo de seguridade e confianza para que poidan artellar unhas canles de comunicación e sororidade entre elas e coa contorna na que están agora. Espazos para falar, para que poidan verbalizar, identificar e validar as súas emocións, dixerilas e manexalas”.
Preténdese, comenta María Lameiras, “que as mulleres poidan falar da experiencia e as emocións que teñen vivido ao iniciarse o conflito, no tránsito ata chegar aquí e o que están vivindo, para identificar e afrontar esas emocións do xeito máis saudable e positivo posible e para que esas emocións non se enquisten desenvolvendo síntomas que poidan requirir unha intervención psicolóxica posterior”. Ao traballar o seu benestar psicolóxico, estas nais poderán igualmente, engade María Lameiras, “axudar aos seus fillos e fillas a identificar as emocións que están tendo, validalas e acompañalos tamén en todo ese proceso que é superar experiencias traumáticas”.
As difíciles situacións vividas por estas mulleres, comenta a psicóloga da Universidade de Vigo, probablemente se manifesten a nivel cognitivo, afectando por exemplo á memoria, á atención e á concentración; a nivel emocional, con tristeza, enfado, culpa, soidade, impotencia, esgotamento emocional e dificultade para identificar as emocións, e a nivel comportamental, amosando inquietude, actitudes defensivas ou trastornos para durmir e na alimentación, etc. “Son síntomas normais de persoas que viviron ou que están vivindo estas mulleres e que se poden traballar”, apunta. Paralelamente a este traballo, o proxecto tamén quere desenvolver intervencións específicas para as nenas e nenos refuxiados coa mesma idea de traballar as emocións e os sentimentos, de acompañalos e apoialos, aínda que con dinámicas adaptadas ás súas necesidades e características.
Acompañamento en Ourense e en Trives
A actividade de acompañamento e apoio está previsto que se desenvolva en Ourense e en Trives, onde traballa a asociación colaboradora. A primeira toma de contacto co primeiro grupo de mulleres que participará será dentro duns días, en coordinación co Concello de Pobra de Trives, que ten posto a disposición do proxecto un espazo e unha persoa tradutora para desenvolver a intervención, tal e como se adianta dende a Universidade de Vigo.
En función da demanda e dos recursos humanos dispoñibles articularase o desenvolvemento das seguintes accións. Neste senso, o proxecto fai unha chamada a psicólogas, psicólogos e outros profesionais que poidan estar interesados en colaborar de forma altruísta nesta iniciativa, tanto da comunidade universitaria como de fóra dela, a que se poñan en contacto no enderezo electrónico lameiras@uvigo.es. “En situacións de crise, de repente xorde unha necesidade para a que non estabamos preparados pero que demanda unha resposta inmediata e aí todas e todos temos que axudar no que poidamos”, afirma María Lameiras, que lembra que en contextos coma esta guerra afloran as partes máis escuras do ser humano pero tamén as máis luminosas, como a solidariedade.
Unha visión de xénero
Como experta en temas de xénero, María Lameiras tamén chama a atención sobre a necesidade de abordar a situación en Ucraína desde unha perspectiva de xénero. “Estamos atopándonos cun país de Europa onde se reproduce o esquema patriarcal máis violento, que é os homes facendo a guerra e as mulleres coidando e pondo a salvo ás fillas e fillos. Por primeira vez en Europa estamos vendo un tipo de movemento masivo de refuxiados con ese perfil, de mulleres soas cos seus fillos e fillas, porque no caso de Siria o perfil era de familias”, indica a catedrática. As mulleres, indica, non só asumen esta responsabilidade senón que pasan a ser o colectivo de maior vulnerabilidade ante todo tipo de violencia, especialmente a sexual.