OurenseÚltima hora

Os contos da zamorana Charo Jaular, en Ourense co Festival Atlántica

 

Un petisco da tradición oral zamorana chegará a Ourense da man do XI Festival Atlántica con Charo Jaular, que actuará este xoves, 6 de xullo. Será ás 11.30 horas, na Biblioteca Pública ‘Nós’. Esta actividade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O espectáculo titúlase ‘Bicos e contos’ e está concibido para bebés con idades comprendidas entres os 6 meses e os 3 anos. Para asistir cómpre realizar a inscrición previa a través dos teléfonos 988788385 ou 988788386. En palabras da propia narradora, “bicar é acariñar cos beizos e contar é facer o propio coas emocións” así que nesta función haberá “moitos bicos e de todo tipo: para suspirar e para inquietar, de auga e do deserto, antigos e bicos mañá”.

Charo Jaular, como ela conta, naceu “na bela Zamora” e non podía facelo noutro lugar porque “é pequena e coqueta como a súa Zamorica da alma”. Os seus devanceiros por vía materna naceron nos Arribanzos, onde xigantescas penas graníticas cortadas forman o peche do río Douro. Alguén marcou alí a fronteira con Portugal, pero antes os ríos xa tiñan dúas beiras e as xentes construían barcas e pontes para coñecerse e intercambiar mercadorías, historias e vida. Atesoura máis de vinte anos de experiencia e está especializada en engaiolar público de todas as idades e en calquera lugar a condición de que se cumpra unha condición: que sexa un espazo onde se ame a palabra.

Por toda Galicia… e Portugal

Desde o 1 de xullo os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Ourense, este ano participan en Atlántica os concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mugardos, Outes, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre. O festival rematará o vindeiro 9 de xullo e toda a información sobre os espectáculos e os artistas que participan nel está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península.

Artigos relacionados

Back to top button