EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

Os traballadores de Irosa e Samaca cortan a estrada OU-122 para pedir solucións e defender os seus empregos

"Pedimos que se chegue a algún tipo de arranxo entre ambas partes e que se asegure o mantemento dos postos de traballo", dicía o secretario local da CIG en Valdeorras

 

Continúan as mobilizacións dos traballadores das empresas da lousa Irosa e Samaca (Carballeda de Valdeorras) para defender os seus postos de traballo. Así, tal e como anunciaran onte, ás 7h. deste mércores 20 de setembro procedían a cortar á estrada OU-122 no punto quilométrico 7, á altura de Samaca. Non obstante, o tráfico pudo continuar circulando por outro desvío do cal informaban os traballadores aos condutores. No lugar tamén se persoaba a Garda Civil.

 

 

Despois do corte da estrada, os traballadores dirixíanse ata a casa do presidente da Mancomunidade de Montes de Portela e Trigal, con presenza tamén da Garda Civil, con quen os membros do comité de empresa mantiñan unha conversa para pedirlle que negociase coa empresa co fin de buscar unha solución entre ambas partes. Logo o persoal regresaba á empresa onde se reunía co presidente do grupo Samaca e, finalmente, os traballadores das naves incorporábanse aos seus postos, pero non os das oficinas e almacén, que están precintadas.

 

 

“Hoxe fixemos mobilización diante da empresa, tamén fomos ata a casa do presidente dos comuneiros a falar con el para intentar mediar un pouco na situación, a intentar que se senten as dúas partes e que negocien ou que traten de solventar o problema este. O problema real que hai agora mesmo, porque seguimos coa actividade na empresa, é o peche das oficinas. É dicir sen as oficinas practicamente a actividade non se pode levar adiante, que sería o que mantén o salario dos traballadores, polas dúas partes hai un principio de intentar sentarse e posiblemente sexa hoxe e a raíz diso, veremos como levan as súas negociacións”, explicaba o secretario local da CIG en Valdeorras, Francisco Moral.

 

Francisco Moral, secretario local da CIG en Valdeorras.

 

Así mesmo este responsable sindical destaba que “os traballadores están moi preocupados polo seu posto de traballo, vímonos inmersos nun conflito entre a empresa e a xunta veciñal de montes e os erros ou non erros que pode haber no xulgado porque cada unha das partes defende o seu. Loxicamente hai unha sentenza que se executou, o que non entendemos é por que se executa unha sentenza cando hai unha expropiación dos terreos e demais”.

 

 

Moral aseguraba tamén que respecta “as decisións xudiciais, iso é un conflito entre a xunta de montes e a empresa e quen está pagando o pato son os traballadores. Nós o que buscamos é unha solución para unha plantilla, na que estamos falando de máis de 250 postos directos sen contar os indirectos. Nós non estamos para intervir nun conflito entre empresa e pobo nin moito menos, senón para defender os 250 postos de traballo directos e os indirectos que están sendo prexudicados e están sendo utilizados como cabeza de turco como se soe facer en moitas outras ocasións”.

 

 

Finalmente o representante da CIG concluían pedindo “que se chegue a algún tipo de arranxo ata que se solucionen as súas situacións e que se aseguren o mantemento dos postos de traballo”.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button