En portadaEntrevistasÚltima hora

Patricia Fernández: “Encántame o retrato, poder construír unha imaxe e un volume e que custe descubrir se é pintura ou fotografía”

Esta artista, ilustradora e deseñadora gráfica, natural do Barco, vén de realizar a súa primeira exposición no Casino da súa vila

Patricia Fernández Vázquez, coa súa mai, xunto a unha das obras expostas no Casino do Barco./ Foto: A.R.

 

Debuxar e pintar é, dende ben meniña, un xeito natural de expresarse para a barquense Patricia Fernández Vázquez. Mesmo á hora de plamar as súas vivencias a modo de diario, recorre aos debuxos. “Fágoo dende que teño uso de razón, é algo que me vén de familia, a miña mai debuxa de forma máis creativa, mentres que o meu pai era de debuxo técnico”, conta. Por iso, cando chegou o momento de decidir a que dedicarse tiña claro que o das artes era o seu camiño.

Decantábase polo bacharelato artístico, onde “xa o mero de feito estar debuxando en clase sen que che botaran a bronca era unha marabilla”, confesa, e comezaba a realizar colaboracións como ilustradora de libros en publicacións do historiador valdeorrés Antonio Castro Voces. “Foi cando vin que, xa non só podía estudar, senón que podía vivir disto. E comecei a carreira de Belas Artes en Salamanca, ao mesmo tempo que seguía ilustrando libros con Castro Voces, co que fixen un total de 3 traballos”.

A metade da súa carreira comezaba a mergullarse nas posibilidades do ordenador e no mundo dixital e a dixitalizar os seus traballos. “Quería dedicarme a pintar cadros, pero non son inxenua, é algo moi difícil, entón pensei que igual resultaba máis doado seguir polo ámbito da ilustración, porén descubrín que era un mundo moi duro e con moi pouquiñas posibilidades, así que, finalmente decidín centrarme no deseño gráfico”, explica esta moza barquense. Así, ademais de graduarse en Belas Artes, posúe un curso profesional de ilustración e outro de deseño gráfico, e agora traballa como deseñadora nunha empresa ourensá.

Unha mostra do percorrido artístico de Patricia Fernández Vázquez pode verse ata hoxe 13 de novembro no Casino Barco, na mostra “Exposición de Pintura e Debuxo. Lapintiparada”. Reúne diferentes técnicas, estilos e formatos nunha serie de obras que supoñen o seu primeiro achegamento ao público, unha experiencia da que está moi contenta, por iso agradece ao Casino do Barco que lle dera a oportunidade de estrearse en solitario nunha mostra na súa vila.

 

Esta creadora valdeorresa, xunto a outros retratos que poden verse na exposición./ Foto: A.R.

 

– ¿Que significa Pintiparada?

Significa que é parecido ou semellante a outra persoa ou cousa. Ao pintar realismo e tentar conseguir o maior parecido a unha fotografía pareceume un bo nome. Ao principio era La Pintiparada pero, co tempo, converteuse en Lapintiparada ou Lapinti.

– Dentro da variedade de obras que poden verse na mostra do Barco, sobresaen os retratos…

A min sempre me chamoi moitísimo a atención o tema dos retratos, poder debuxar unha foto e que se parecera o máximo posible á realidade. Non me gusta chamalo hiperrealismo porque xa me gustaría a min facer hiperrealismo, encántame o retrato, poder construír un volume e unha imaxe e que, cando a xente o vexa se pregunte se é foto ou é debuxo. De feito é algo que me preguntaban o día da inauguración e iso a min éncheme de gratitude.

Ademais na mostra poden verse outros traballos que fixen ao longo da carreira, cadros totalmente diferentes… E mesmo está o traballo de fin de carreira, un cadro de gran formato coa imaxe dos meus pais, que pode verse ao final. Polo tanto, penso que é unha exposición moi persoal que xunta os meus traballos máis iniciais e a partir de aí continúa ata hoxe. Escollín, entre o todo o material que tiña na miña casa e na dos meus avós, aquilo que permitise ver o cambio que producíu en todos estes anos.

– ¿Que son estas composicións que poden verse ao principio da mostra e que lembran en certo modo á banda deseñada?

Isto é o meu diario. Sempre tiven diarios, pero non os diarios ao uso de chegar a casa a escribir, non, os meus eran sempre debuxos. Teño multitude de libretas, onde dende pequena debuxaba, tanto se tiña un bo día, como se tiña un malo. E sempre as levo comigo, o que plasmo nelas é aquilo que me sucede no meu día a día. E nesta exposición tamén poden verse impresións dos meus diarios. Din que os diarios non se poden amosar, pois eu estou moi orgullosa de facelo.

 

Patricia Fernández, á beira dos seus diarios./ Foto: A.R.

 

Agora mesmo, como deseñadora gráfica, ¿que tipo de traballos profesionais realizas?

Estou nunha empresa que se dedica a vinilar coches, bares… a realizar vinilos de grandes formatos, pero hai un apartado dentro dela centrado na parte creativa, traballamos moito para Estrella Galicia, para facer fotomurais dos bares, publicidade enfocada á marca, tamén a coches de competición de rallies… Resulta moi divertido porque ao final non deixa de ser algo supercreativo e diferente ao que facía. Gústame moito o meu traballo, aínda que gústame máis pintar.

¿A sociedade valora o traballo dos deseñadores, dos artistas?

Hoxe en día, en xeral, non se valora nin aos deseñadores nin aos artistas, é iso véxoo cada día. Non se aprecia o traballo nin a parte creativa que hai detrás dun deseño, dun cadro… Quizais a xente non entende que o que cobramos por ese labor creativo é o noso tempo, a nosa fromación, as nosas ideas… Estámoslle dando un anaquiño noso plasmándoo nun cadro, por exemplo. E creo que iso que estou dicindo pénsao a maior parte dos artistas.

Pero si pode dicirse que hai moito talento artístico en Galicia e en España…

É certo que si, en Galicia hai moita arte, moitísimos artistas incribles, tanto en entornos musicais, que non os quero deixar aparte, como nos plásticos. A min o que máis me molesta de todo isto é que moi poucos temos a sorte de atopar a xente como a do Casino que me propuxo expoñer aquí. Se todos puxeramos un gran de area poderíamos crear exposicións como esta moito máis a miúdo e eu creo que á xente lle interesaría.

¿Que tal e experiencia da súa primeira exposición e, aínda por riba, na súa vila?

O día da inauguracion pensaba que ía vir pouca xente e había moitísima. E seguiu vindo ao longo destes día, ao final deste xeito cobro todos os anos de traballo, resulta moi satisfactorio. A xente de Valdeorras si que valora o meu traballo, no meu pobo valoráronme sempre dende pequeniña.

Texto: A.R.

 

A artista conversando con varias persoas que visitaban a súa exposición./ Foto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button