OurenseÚltima hora

Un Relatorio sobre o botellón, mañá na delegación Territorial da Xunta en Ourense

Contará coa presenza da valedora do pobo, Milagros Otero; e do presidente da Fegamp, Alfredo García e alcalde do Barco
Cartel do evento.

Profesionais dos servizos sociais, sanidade e condutas aditivas, seguridade, educación, psicoloxía e socioloxía, xunto a representantes da administración municipal, autonómica e estatal, así como representantes de colectivos xuvenís, reuniranse mañá, no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Casa de Chocolate), nun foro que organiza a Consellería de Sanidade, o Concello de Ourense e a Fundación Galega contra o Narcotráfico, para buscar solucións ao problema do botellón.

O relatorio de apertura, no que se abordará a situación actual no contexto nacional e internacional desta problemática, correrá a cargo de Patricia Santa Olalla, técnico do Plan Nacional sobre Drogas.

Na primeira das mesas, abordarase a situación actual e propostas no ámbito familiar, educativo e comunitario e, na segunda, falarase da situación actual e propostas no ámbito sanitario, psicolóxico e social.

O foro contará, así mesmo, cunha conferencia do director de coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia, Manuel Bernárdez, quen falará do botellón dende o 061.

Na terceira das mesas, falarase das propostas concretas dende as administracións, e nela participará, entre outros, a valedora do pobo, Milagros Otero; e o presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García.

Posteriormente, a cuarta das mesas abordará a situación actual e propostas concretas de orden legal e normativo. Nesta última, está previsto que participen, baixo a moderación do presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro, o subdirector xeral de Fomentos de estilo de vida saudables da Consellería de Sanidade, Jorge Suanzes; o presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Antonio Piña; o xefe de grupo da Policía Autonómica, Breogán Rivo; e o portavoz na Comisión Mixta Congreso-Senado para o Estudo do problema da droga, Jesús Aguirre.

Garantir a saúde e o benestar da poboación

Estes expertos que vanse reunir neste Foro Profesional contan con experiencia contrastada e aportarán a súa visión, xunto coas persoas e administracións relacionadas directamente co problema, propoñendo solucións concretas, cada un desde o seu ámbito de actuación.

Sanidade lembra que as altas taxas de consumo de alcohol constitúen un problema sanitario de primeira magnitude na sociedade actual, con importantes causas e derivacións de orde psicolóxico e social que afectan a toda a comunidade. O problema toma unha especial gravidade cando se fala de consumo na mocidade, porque incrementa notablemente as posibilidades de adicción, así como polos graves danos sanitarios, psicolóxicos e de relación que comporta.

É necesario remarcar, así mesmo, que hai anos que a explosión do fenómeno denominado botellón incrementou de xeito exponencial os prexuizos e riscos asociados ao consumo de alcohol. Unha realidade difícil, un problema coñecido pero en absoluto resolto, ante o que é necesario intervir. Así pois, a nosa sociedade ten a necesidade e a obriga de buscar e atopar solucións eficaces para garantir a saúde e o benestar de toda a poboación.

As propostas que se fagan neste foro serán elevadas ás administracións e autoridades correspondentes con competencias na materia.

Artigos relacionados

Back to top button