A espada de Mouruás é unha peza de broce con máis de 3.000 anos de antigüidade. Era atopada alá por 1967 na localidade do mesmo nome do municipio de San Xoán de Río e hoxe consérvase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Arredor deste valioso e milenario obxecto xira un documental no que leva tempo traballando a actriz e directora Lucía Álvarez, natural tamén de Mouruás.
A este proxecto audioviosual, respaldado pola Deputación de Ourense, suma agora o seu apoio o Concello de Trives “por unha dobre razón: a recuperación dunha parte descoñecida da historia desta comarca e a promoción que implicará para Trives e toda a súa comarca, pois a película documental comezará en breve o percorrido por diferentes festivais de cinema nacionais e internacionais”, tal e como vén de informar esta administración local.
A alcaldesa, Patricia Domínguez, visitou a rodaxe que tivo lugar na sede provisional do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se atopa a espada, e puido así coñecer de primeira man “o arduo traballo levado a cabo nestes últimos tres anos pola directora do documental e todo o seu equipo de profesionais, entre os que hai triveses”.
“A Espada de Mouruás”, un documental patrocinado pola Deputación de Ourense, ten como obxectivo dar a coñecer, mediante o achado da espada, o entorno de Mouruás, a súa importancia como cruce de camiños con 3.000 anos de historia e a súa relación co nacemento da cultura europea. Trátase, en definitiva, como explica Lucía Álvarez co lema do documental, “de entender de onde vimos para saber quen somos”.
Buscar a maxia do lugar de Mouruás foi o principal obxectivo deste proxecto audiovisual no que as paisaxes cobran gran protagonismo. A voz en off da directora conducirá ao espectador ao mundo mítico dos asentamentos prehistóricos.
A alcaldesa, Patricia Domínguez, mostrouse moi orgullosa pola oportunidade de poder apoiar e vincular ao Concello de Trives con este proxecto, “froito do esforzo e rigor do equipo de profesionais que traballa no documental e, especialmente, da iniciativa de Lucía Álvarez”. Para o Concello de Trives, destacaba, “é moi importante sumarse a este proxecto, tanto para difundir unha historia extraordinaria, a dun guerreiro que deixou unha espada nunha pedra de Mouruás e que agora todo o mundo poderá coñecer, como pola promoción que suporá para Trives e toda a nosa comarca”, explicou a alcaldesa.
Cómpre destacar a traxectoria profesional de Álvarez na dirección audiovisual e de espectáculos teatrais de diversa índole. Recentemente vén de terminar a rodaxe da curtametraxe “Amor de madre”, sobre o texto de Almudena Grandes.