OurenseÚltima hora

Xa están en marcha as obras da fonte de auga quente na contorna da Capela dos Remedios, en Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegura que esta obra "acrecentará o potencial de Ourense como referente en termalismo"

 

O inicio das obras da fonte de auga quente na contorna da Capela dos Remedios “acrecentará o potencial de Ourense como referente en termalismo”. Así o aseguraba a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na visita realizada onte para supervisar as obras xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, onde asegurou que se trata dunha fonte termal de carácter ornamental, “perfectamente integrada neste espazo público renovado e na paisaxe da contorna, que conforman a Capela dos Remedios e a propia Ponte Romana”, subliñou.

A conselleira explicou que se trata de crear un novo espazo sinxelo, agradable, protexido e á sombra dos 2 cedros existentes. Concretou que as obras se iniciaban onte cos traballos de implantación, cun equipo de obra e outro de topografía, que comprobará o terreo. As primeiras intervencións, dixo, serán demolicións e desmontaxe dos elementos urbanos: bordos, pavimentos, e o movemento de terra necesario para crear a pequena depresión no terreo que acollerá a fonte.

Segundo indicou, os traballos son relativamente sinxelos e contan cun prazo estimado en 3 meses. Con todo, tal e como dixo, o seu desenvolvemento estará condicionado polo subministro da pedra, grandes elementos de granito que conformarán a fonte. A previsión é ter toda a pedra subministrada en febreiro.

Deste xeito, segundo avanzou a conselleira, o obxectivo é ter a comezos da primavera finalizada e a disposición dos veciños a nova fonte termal na contorna da Capela dos Remedios e da Ponte Romana, logo dun investimento da Xunta de máis de 117.000 €.

Esta nova actuación súmase ás intervención levadas a cabo para recuperar e poñer en valor a Ponte Romana e a contorna da Capela dos Remedios, que se executaron en dúas fases e supuxeron un investimento autonómico de 1,6 M€. Xorde das prospeccións realizadas durante a execución da 2ª fase desas obras, rematadas en febreiro, que permitiron identificar na zona este foco de augas termais, que xa fora identificado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España en 1984, e posteriormente selado.

 

 

Para lograr que a fonte estea en perfecta harmonía coa paisaxe urbana xerada e cos sistemas de ramplas, e acorde á monumentalidade da Ponte e da propia Capela, proxectouse unha fonte termal cun deseño sinxelo, actual e integrado.

Apuntou que nesta obra empregaranse os mesmos materiais que se utilizaron no resto da intervención realizada pola Xunta. Así, empregarase granito de cor tostada e contarase cos mesmos elementos compositivos do entorno, como as pezas de gran formato das ramplas ou os propios bancos, para crear a mesma linguaxe arquitectónica existente na contorna.

Máis en detalle, a fonte executarase en pedra de granito tostada e contará cunha parede semicircular da que manará a auga termal que se precipitará sobre unha pila semicircular. Esa pila recollerá a auga que desbordará provocando a caída ata o chan, onde haberá un canal polo que continuará ata acadar o sumidoiro.

Vázquez Mourelle fixo fincapé en que será unha fonte cun percorrido para a auga, con saltos, desbordes e circulacións, deseñado especialmente para o desfrute sensorial: o visitante poderá desfrutar dos olores, vapores e sons da auga termal no seu descorrer.

En sintonía coa sinxeleza e sutileza no deseño da fonte, a iluminación da súa contara tamén será suave e delicada e irá colocada na base dos bancos que delimitarán este espazo. Para acabar de crear un nexo de unión perfecto coa contorna actual e coa zona verde, os 2 cedros desa zona quedarán integrados no deseño, creando un xardín con céspede e flores, delimitado por un bordo de granito, dimensionado para respectar as raíces.

Artigos relacionados

Back to top button