Formación máis feira de mostras. É a fórmula pola que aposta “Viñodiversidade”, unha iniciativa que se desenvolverá do 20 ao 21 de novembro en Castrelo de Miño. O seu programa encetarase os días 10 e 20 de novembro cunhas xornadas de formación de viticultura ecolóxica e biodinámica, con aulas presenciais que se realizarán no Auditorio do concello, e traballo en viña, con visitas a varias explotacións, tal e como se informa dende o Concello de Castrelo de Miño, promotor desta iniciativa en colaboración co Sindicato Labrego Galego. Estas xornadas será impartidas por André Rodrigues Henriqes da Silva e Pablo Ortigueira Sánchez.
Ademais o sábado 21 de novembro terá lugar a I Mostra Internacional de Viños da Biodiversidade no salóns do edificio do parque náutico de Castrelo. A cita congregará a máis de 25 adegas que “nos mostrarán os seus viños. Haberá adegas galegas, españolas e portuguesas. A entrada custará 5 euros, e o horario será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Está será a primeira feira que se celebra en Galicia de viticultura ecolóxica e biodinámica, e unha das primeiras da península ibérica”, destacan dende o Concello de Castrelo de Miño, cuxa intención é que “se convirta nun éxito e consolidala nos vindeiros anos”.
O certame incluirá asemade un “Punto de encontro para a viticultura emprendedora”, co fin de que viticultores, adegueiros e profesionais da vitivinicultura intercambien experiencias e traballos entre as súas viñas, adegas e técnicos.
“Por exemplo, haberá viñas que estexan en aluguer ou venda, viticultores que estexa interesado en traballalas, técnicos interesados en intercambiar experiencias de elaboración de viños e tratamento en viñedos… Haberá tamén adegas que poden alugar un espazo dentro das súas naves, para que un colleiteiro poida elaborar alí os seus primeiros viños, etc.”, aseguran dende o Concello de Castrelo de Miño.