CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Susana Seivane lembra á ourensá Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira da que se ten constancia que actuou publicamente

A intérprete participaba esta tarde no ciclo "As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo", na Coruña

O cuarteto Os Marabillas nunha imaxe de 1927 publicada en “Vida Gallega”./ Cedida.

 

Nada no seo dunha familia de artesáns e intérpretes musicais, Susana Seivane sempre dixo que veu ao mundo cunha gaita debaixo do brazo, que non recorda cando comezou a tocala. Dende que en 1999 publicou o seu primeiro traballo, leva editados xa máis de media ducia e ofreceu centos de concertos por todo o mundo.

“Mulleres que tocasen a gaita sempre as houbo, pero os prexuízos sociais, o machismo, impedía que o fixeran en público e sobre os escenarios. A palabra gaiteira ata tiña un significado negativo: no dicionario de Juan Cuviero Piñol, de 1876, atribúeselle o significado de muller alegre e casquivana”, contaba Susana Seivane, que na tarde deste 6 de maio participaba no ciclo “As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo”, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na Coruña. Esta iniciativa, na que a intérprete tamén conversaba co xornalista Manuel Rodríguez, está organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co gallo do centenario do pasamento da escritora.

O primeiro gran grupo galego formado só por gaiteiras constituíse en Ribadeo en 1960 baixo o nome As Meniñas da Saudade. “O meu avó falaba delas con admiración”, conta a intérprete, que tivo a honra de coñecer a parte das integrantes da banda. Pero antes delas hai outro nome que paga a pena que estea nos libros de historia da música: o de Áurea Rodríguez (Cartelle, Ourense, 1897 – ?), reivindicaba.

 

Susana Seivane durante a súa intervención no ciclo./ Foto: RAG.

 

“Áurea Rodríguez foi unha auténtica pioneira. É a primeira muller da que se ten constancia en Galicia que actuase publicamente como gaiteira e ademais era quen lideraba a banda que formou cos seus irmáns, Os Marabillas. Era a directora artística e a representante. O grupo chegou a actuar na Arxentina e na prensa cualificárona como a reina de la gaita gallega. A última actuación de Áurea da que se ten noticia foi en 1945 en Venezuela, despois perdéuselle a pista. Malia á súa relevancia, Áurea Rodríguez non sae nos libros escolares de historia da música. Aparezo eu como exemplo de gaiteira e os nenos e nenas non saben que eu tiven unha digna precursora!”, lamentaba.

As mulleres e a música tradicional galega

Susana Seivane reivindica o papel invisibilizado das mulleres na tradición musical galega. “É moi importante recoñecer a importancia da transmisión oral por parte das mulleres. Miña bisavoa Estrela, que cantaba moi ben, ensinoulle ao meu avó desta maneira moito do repertorio que logo el interpretou como gaiteiro”, aseguraba.

A artista medrou noutro momento histórico con menos atrancos, pero aínda queda moito por facer para acadar a igualdade, sinala. “Cando decidín dedicarme ao mundo da música profesionalmente”, recordaba, “atopei moi boa receptividade, pero segue habendo moitas cousas polas que as mulleres debemos loitar no ámbito laboral, social e persoal. Noteino sobre todo cando fun nai. Socialmente, segue sen agardarse o mesmo dunha nai ca dun pai. E no terreo profesional, para as mulleres que nos dedicamos ao mundo do espectáculo é tremendamente difícil conciliar: Viaxamos moito e actuamos tarde”.

Hoxe xa non é estraño ver nenas tocando a gaita. “Cando eu era pequena, non tiña referentes femininos. Había mulleres que tocaban a gaita pero eran anónimas, non actuaban sobre os escenarios. Que hoxe as nenas me vexan a min como un referente, é unha gran responsabilidade, pero tamén un orgullo tremendo”, confesaba.

Susana Seivane pechaba o acto coa compaña da “banda do balcón”, coa que animou a veciñanza durante o confinamento e que deu lugar ao seu último disco.

 

Actuación da “banda do balcón” coa que se poñía fin ao acto./ Foto: RAG.

 

Polo ciclo “As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo” pasarán entre marzo e decembro oito mulleres de recoñecido prestixio que reflexionarán sobre o acadado no eido da igualdade de xénero e sobre o que queda por percorrer un século despois do pasamento da escritora coruñesa. A seguinte sesión, o 3 de xuño, estará protagonizada pola escritora, xornalista e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro.

Artigos relacionados

Back to top button