En portadaÚltima hora

Das 41 solicitudes de axudas para reconstruír vivendas afectadas polo lume en Valdeorras, 14 xa están pagadas

A conselleira de Medio Ambiente reuníase este luns na Casa Grande de Viloira (O Barco), cos afectados polo incendio forestal do verán

 

Un total de 41 solicitudes de axudas para reconstrución de vivendas afectadas pola vaga de lumes do verán en Valdeorras presentábanse na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Delas, “14 xa as temos pagadas a día de hoxe, 10 durante a semana pasada e a 4 faciáselle o ingreso esta mesma semana”, tal e como sinalaba a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, na reunión que esta mañá mantiña na Casa Grande de  Viloira (O Barco) cos afectados polos incendios neste municipio e nos de Carballeda de Valdeorras e Rubiá.

 

 

“Queríamos axilidade porque entendíamos que a xente precisa volver ao seu fogar despois do susto que tivo durante esta vaga de incendios, pero aí había un traballo dos concellos coordinados polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), xa que son as solicitudes, tamén a posteriori son as licenzas, ademais de falar cos arquitectos, o subministro de materiais que tamén vén sendo un problema… Pero ao final conseguiuse e, das que xa están finalizadas porque teñan a súa documentación completa, 7 solicitudes son de Rubiá, 4 de Carballeda e 3 son do Barco e así iremos paulatinamente ata que nos presenten o resto da documentación. Ata agora son un total de 1,1 millón de euros que teñen xa estas familias ingresados na súa conta bancaria para que procedan a rehabilitación ou reforma, dependendo do grao de cada unha desas vivendas. Hai vivendas que son única vivenda e outras de segunda vivenda”, explicaba Ángeles Vázquez.

As contías máximas en primeira vivenda son de 122.400 euros e no enxoval ata 15.000 euros e, no caso de segunda vivenda, son máis de 61.000 euros e o enxoval son 5.000 euros. “Faise a taxación correspondente e o resultado é que estas 14 familias reciben 1,1 millón de euros que son compatibles co resto de axudas que poidan ter doutras administracións ou do seguro”, matizaba a conselleira de Medio Ambiente.

 

 

A conselleira era recibida pola presidenta do GDR Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, así como polos alcaldes do Barco, Alfredo García, e de Rubiá, Elías Rodríguez, e polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. “Hoxe estamos felices, despois dun verán tremendo e dunha etapa moi dura para toda Valdeorras. Hoxe traemos alegría para os veciños da man da conselleira, agradecemos a súa visita, máis que nunca, coas noticias que hai é un canto a Valdeorras e unha sensibilidade que hai e que demostrou con todos os veciños afectados por unha gran desgraza”, dicía a alcaldesa de Carballeda.

 

 

“Non foi un traballo fácil, non está sendo fácil, son moitas as liñas de axuda que ten neste momento Vivenda e estamos cáseque a finais de ano, pero había que priorizar e eu teño que agradecerlle ao equipo do IGVS a súa sensibilidade, contar cun bo equipo e que teñan corazón ao final tradúcese nun resultado de bo traballo”, engadía a conselleira de Medio Ambiente.

 

 

Deseguido, tiña lugar a reunión coa veciñanza no salón de actos da Casa Grande de Viloira, onde era recibida entre aplausos. O acto iniciábase coa intervención do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen agradecía o labor dos Concellos do Barco, Carballeda e Rubiá, así como o do GDR e o do Instituto Galego de Vivenda e Solo, despois dáballe paso á alcaldesa de Carballeda e presidenta do GDR, quen confesaba que o incendio do pasado xullo foi “o peor momento que vivín como alcaldesa”, foi un “caos tan doloroso que sentimos rabia e impotencia ante tanto desastre”. Tamén agradeceu o apoio da adminsitración galega e destacou que en “Valdeorras fomos todos xuntos”.

 

 

Tamén incidía en que pronto apostaron por falar de reconstrución e, de feito, resaltaba “no outono imos estar levantando esas casas e os tres alcaldes imos facilitar as normas que nos competen para que as casas empecen a levantarse canto antes”.

Finalmente, a conselleira de Medio Ambiente, explicáballes aos valdeorreses afectados polos lumes as axudas existentes, e que aínda se poden solicitar ata 2 de novembro, así como o proceso da súa tramitación e aprobación. “Agora toca reconstruír e loitar por esa primeira vivenda, pero tamén hai axudas para as segunda vivendas”,  lembraba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button