CulturaCulturaÚltima hora

Gustavo Docampo, ex-técnico de Cultura do Barco: “Síntome afortunado de ter vivido os primeiros pasos do teatro profesional galego”

O valdeorrés vén de recoller un dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas no apartado “Toda unha vida de sachar”

 

A Sala Ártika de Vigo convertíase en escenario da cerimonia de entrega dos I Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas na tardiña do 25 de abril. Con esta actividade, a entidade brinda recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas galegas. Entre os galardoados nesta edición estaba o valdeorrés Gustavo Docampo, ex-técnico de cultura, xubilado, do Concello do Barco de Valdeorras, distinguido no apartado “Toda unha vida de sachar”. Nesta mesma categoría tamén será premiado Jose Angel Vieitez “Perello”.

Docampo recollía a distinción amosando o seu agradecemento e asegurando que se sentía “moi a gusto entre tanta xente coñecida e querida. Grazas a Escena Galega e á comisión que decidiu estes recoñecementos. Grazas por poñer o foco no oficio de programar, na xestión cultural das salas, da función mediadora e facilitadora para que se produza o encontro das vosas creacións co público nas mellores condicións para que se poda expresar a emoción e a maxia que son consubstanciais ás artes escénicas”.

Así mesmo confesábase “afortunado de ter vivido e tervos acompañado nos primeiros pasos do teatro profesional galego, ata o momento presente no que é recoñecido e proxecta o seu talento con forza dentro e fóra do pais”. Gustavo Docampo finalizaba a súa intervención dedicándolle o premio “aos meus compañeiros programadores e xestores culturais, aos que comezaron cando a min hai tantos anos e oas novos que chegan con tanta forza”. Tamén facía unha dedicatoria especial para a súa compañeira Isabel e os seus fillos e para os amigos que o acompañaban.

 

 

Neste acto tamén se entregaba a distinción como nova socia de Honra da Asociación a Sarabela Teatro ou unha mención especial á Asociación Circonove como iniciativa que impulsou o movemento do circo no País. Tamén se outorgaba unha mención especial á “Embaixadora das artes escénicas galegas no exterior”, Fefa Noia, e ao “Espazo onde non che dan as chaves e marchan”, para o Pazo da Cultura de Narón.

A comisión de selección

A comisión-xurado encargada de seleccionar ás galardoadas estivo composta por Santiago Cortegoso (presidente), Patricia de Lorenzo González (vicepresidenta) e Diego Vázquez Meizoso (xerente), en calidade de secretario -con voz pero sen voto-. Tamén se convidou a outras persoas alleas á entidade co obxectivo de asegurar unha maior imparcialidade e diversidade nos criterios. Cecilia Carballido Couceiro (produtora e xestora independente), Borja Fernández Rodríguez (actor e creador escénico) e Miguel López Soto (director da empresa RTA-Recursos Técnicos Artísticos) foron as encargadas de aportar unha visión externa na selección de persoas e iniciativas galardoadas, optando por premiar proxectos e traxectorias atendendo ao equilibrio territorial.

Fotos: Miguel Lamas/ Escena Galega.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button