O plan ExportOU, de apoio a insternacionalización das empresas e que levan a cabo en colaboración a Deputación e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), dá un paso adiante creando a “Plataforma Dixital ExportOU” e un programa de dixitalización para a internacionalización.
O presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, explicou na presentación de hoxe, 20 de novembro, que plataforma servirá “como un escaparate de produtos ourensáns que permitirá mellorar a identidade das empresas da provincia”. Así, as compañías que se acollan a esta iniciativa recibirán asesoramento dixital para estar presentes na rede para futuros compradores internacionais.
Quen vai levar a cabo toda esta dixitalización e asesoramento é a empresa Contact Comunicación. O seu director, César González, asegurou que dentro do Programa de Dixitalización o que van facer vai ser dividir ás empresas en dous grupos: “aquelas que xa teñen experiencia exportando pero non no eido dixital, por un lado, e aquelas que teñen un bo produto pero non teñen experiencia no mundo on-line”. Para levalo a cabo, van facer, contou o director, estudos personalizados de desenvolvemento dixital de cada compañía “para coñecer o estado de cada empresa na rede”, dixo. Logo diso, farán plans de traballo para desenvolver a súa imaxe corporativa e posicionamento -SEO e SEM- nas redes sociais “para que cando se introduza nos buscadores, aparezan estas empresas”. A todo isto hai que engadir a análise de resultados a nivel internacional de cada compañía.
No eido da plataforma exportou.com, César González contou que servirá “como fonte de información sobre programas de financiamento e formativos, así como noticias e eventos relacionados coa internacionalización”. Así, a web terá un apartado de “novas” onde as empresas poderán coñecer todo o relacionado co mundo da exportación. A todo isto hai que engadir o catálogo de empresas, produtos, servizos e firmas ourensás que teñan presenza na rede.
Neste senso, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, aseverou que hai moitos exemplos de empresas ourensás “que xa están consolidadas no camiño da internacionalización e, con este programa, outras poderán seguir eses mesmos pasos”.
Para poder darse de alta neste Programa de Dixitalización e que a empresa apareza incluída nese catálogo web, os interesados poderán inscribirse a través do formulario presente no espazo dixital ou poñerse en contacto directo a través do enderezo electrónico exportou@exportou.com.
Axenda de internacionalización
Ademais de esta web. ExportOU levará a cabo xornadas formativas en diferentes puntos da provincia. Por exemplo, mañá, 21 de novembro, estarán no Centro de Formación da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) para falar sobre o Programa REI: “Revisión estratéxica e Orientación cara a internacionalización das empresas agroalimentarias da eurorrexión”. Asemade, o mércores, 22 de novembro, ás 9:00 horas na sede da CEO, farán entrevistas de Diagnóstico Potencial Exportador (Empresa & Experto) e, ese mesmo día ás 17:00 horas, falarán tamén do Programa REI pero na sede do CRDO Ribeiro.
Para máis información sobre o obradoiro do Programa Rei en Valdeorras, consultar na seguinte ligazón:
Presentación do programa de REI de internacionalización, no Barco o 21 de novembro
Texto: Carlos Asensio.