ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Manuel Valdés, homenaxeado na Festa das Letras de Parada de Sil

O Concello organizaba un acto conmemorativo que incluía tamén a entrega de premios do seu concurso de microrrelatos

A Casa do Concello de Parada de Sil era escenario na mañá do 14 de maio dunha dobre celebración. Dende hai uns anos, este municipio ourensán fai coincidir a celebración do Día das Letras Galegas coa homenaxe a un veciño que teña destacado pola súa actividade e que xeralmente reside fóra do concello. Desta volta a persoa escollida era Manuel Valdés, empresario natural de Sacardeboi, e que emigraba sendo adolescente a terras catalás. Tras desempeñar diversos oficios, convertíase en taxista e logo fundaba Radio Tele Taxi, onde defendeu sempre o galego e aos galegos. Paralelamente adquiriu e reflotou as Adegas Valcar.

O acto das Letras Galegas comezaba en Parada de Sil coas intervencións das autoridades e coa actuación da Coral Vellos Amigos de Manolo de Dios. A alcaldesa, Yolanda Jácome, destacaba a traxectoria de Valdés, incidindo en que Parada de Sil séntese orgullosa de poder homenaxear a persoas que teñen feito un labor destacado no eido profesional e que ao mesmo tempo promocionan a súa terra.

Pola súa banda, Manuel Valdés, recordaba as andanzas da súa infancia e expresaba emocionado o seu agradecemento ao “seu pobo a aos meus veciños”. Tamén animaba a defender o valor do galego. “Nós temos unha lingua propia, non a temos que inventar nin alugar, así que usémola e defendámola”.

No transcurso deste acto tiña lugar tamén a entrega de premios do concurso de microrrelatos Parada de Sil-Ribeira Sacra. O primeiro premio, dotado con 1.000 euros recaía na escritora madrileña María Cabezas Ruíz; o segundo, dotado con 500 euros, era para Ariadna Fernández Colunga, unha xove escritora leonesa. Debido á calidade dos traballos, o xurado acordaba facer unha mención excepcional para o traballo “A miña serea” do vigués Xosé Alfredo Fernández, para quen o patrocinador otorgou 300 euros, a pesares de non estar contemplado nas bases.

O programa do acto completábase coa descuberta dunha placa de granito na casa natal de Manuel Valdés, no pobo de Sacardebois. O acto contaba coa presencia da Coral Vellos Amigos de Manuel de Dios, baixo a batuta de Juan Feijóo, que interpretaba o poema “O Carro” en homenaxe ao poeta monfortino Manuel María, a quen está dedicado neste ano Día das Letras, así como o himno de Ourense, de Manuel de Dios. O mesmo grupo pechaba a xornada coa interpretación do himno galego.

Artigos relacionados

Back to top button