CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O VI Festival Medieval do Castelo de O Bolo reunirá o 8 de abril a un cento de músicos

Participarán diversos intérpretes da contorna como a Banda de Gaitas do Bolo, as Cantoras de Trives; o cantor de romances Rogelio da Aceveda así como a compositora e cantora da seitura, Jacinta de Lentellais

 

O VI Festival Medieval do castelo do Bolo reunirá o próximo sábado, 8 de abril, a un cento de artistas nunha nova edición do certame musical que este ano está dedicado á memoria de Severino Salgado, un dos membros máis veteranos do xa tradicional Folión do Buxán, falecido no pasado xaneiro. O programa do festival foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presenza da deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e a cantora Carmen Penim, que interpretará a Dona Urraca.

Na quenda de intervencións, Patricia Torres puxo en valor unha nova cita “coas músicas medievais que durante tantos anos sonaron neste espazo”. Un festival que é motivo de orgullo, dixo Manuel Corzo, agradecendo a Xosé Lois Foxo “un traballo de anos que tamén axudou a promocionar o castelo”. Carmen Penim tamén tivo palabras de agradecemento para Foxo, “por recuperar a memoria popular”, e para o alcalde do Bolo como exemplo de persoas “que cren no rural”.

O director da Escola de Gaitas da Deputación explicou o programa do VI Festival Medieval, que ademais de música tamén ofrece a oportunidade de contemplar no castelo unha exposición de gaitas ibéricas; asistir á presentación do libro “Cornamusas de la península ibérica e islas baleares”, da investigadora e historiadora da arte medieval Ruth Foxo; e ademais “desfrutar na XIII edición da Festa da Vitela”, engadiu o director da escola.

A partir das 18.30 horas, o festival principiará coa recreación do vello romance medieval no que a raíña Dona Urraca entra a cabalo no castelo, momento no que sonarán as trompetas desde a torre do homenaxe. Na fortaleza daranse cita artistas como Nadia Vázquez, especialista na Musette barroca, instrumento de vento de características semellantes á gaita; el Pravianu, un dos mellores gaiteiros de Asturias; Alexander Suárez, intérprete da uillean pipe o gaita irlandesa; ou David Bellas, investigador e gran coñecedor da gaita medieval.

Tamén participarán diversos músicos da contorna como a Banda de Gaitas do Bolo, as Cantoras de Trives; o cantor de romances Rogelio da Aceveda así como a compositora e cantora da seitura, Jacinta de Lentellais. O programa complétase coa égloga operística Pastora da Serra Sola, e a actuación da Real Banda de gaitas da Deputación.

Artigos relacionados

Back to top button