Saíron as primeiras raiolas de Sol e varios mozos da comarca partiron do Concello do Barco para recibir nas Médulas a un grupo de músicos da Oxford University Ceilidh Band.
A orixe da quedada débese á Asociación OUCB da universidade inglesa, que financiou parte da viaxe destes estudantes para que coñeceran a música e a cultura doutros países. Nesta ocasión, os integrantes da banda británica escolleron Galiza debido ao seu interese polos ritmos celtas.
A curiosidade polas comarcas de Valdeorras e o Bierzo procede da amizade entre a polifacética Pili Alonso, que actuou de embaixadora das terras guigurras, e Manu Panferreteiro, músico galego residente no Reino Unido.
Os dous grupos tiveron o seu primeiro contacto no Miradoiro das Médulas, unha magnífica paraxe da comarca do Bierzo, caracterizada polas singulares formas do terreo e as súas terras avermelladas.
A seguinte parada foi a espectacular Galería de Orellán. Nela, agardaba o guía Ricardo, quen explicou aos excursionistas a difícil tarefa desempeñada polos romanos: “ O sistema utilizado para a extracción do ouro era o Ruina Montium. Consistía en perforar a montaña cunha rede de galerías. Unha vez feito o armazón – aclaraba o profesional- introducían auga para crear unha explosión e o conseguinte derrubo do monte. Mediante este proceso, calcúlase que se obtiveron 6 toneladas de ouro en 230 anos”.
Continuouse coa andaina entre “montes de lume” e castiñeiros milenarios. A xente gozaba da vista que lle ofrecían os seus ollos. “E unha paisaxe marabillosa” sinalaba Claire Roberson, unhas das integrantes da Oxford University Ceilidh Band.
A última parada antes de deixar este fermoso monumento natural, nomeado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1997, foi o pobo das Médulas onde a xente se detivo a coller alento.
Chegou o mediodía e a expedición trasladouse a Sobrado. Alí, ao redor dunha mesa, compartiron as experiencias da camiñada entre risas e bromas. Coa barriga chea algúns valentes aínda tiveron tempo de se mergullar nas frías augas do río Selmo, un dos principais ríos troiteiros da bisbarra berciana.
IMPRESIÓNS DOS PROTAGONISTAS
Valdeorreses e británicos compartiron para O Sil as súas experiencias e reflexións sobre a xornada.
“Gustoume moito voltar”,aseguraba o políglota da Oxford University Ceilidh Band Robert Kine, que non coñecía o Bierzo pero si Galicia. Para Lauren Spiceley a nosa terra ten un “gran parecido con Gales”.
No caso da barquense Xulia o día cos universitarios egresados foi unha “experiencia moi agradable e enriquecedora”. Para os xemelgos Álvaro e Lucas esta xuntanza supuxo “un xeito de pasalo ben e refrescar o inglés”.
Texto e fotos: Miguel Gómez Longo