SanidadeÚltima hora

Unha mostra combina intelixencia artificial, robótica e arte para concienciar sobre o cancro de mama

A iniciativa "Cadros con Esperanza" vén de presentarse en Galicia no CHUS, onde o valdeorrés Rafael López é xefe do servizo de Oncoloxía Médica

O conselleiro de Sanidade, Julio Garc’a Comesa–a, clausura a presentaci—n da campa–a ÒCuadros con EsperanzaÓ sobre cancro de mama triple negativo.

 

“Cadros con Esperanza”, a innovadora experiencia artística promovida por Gilead Sciences continúa o seu percorrido pola xeografía española. Nesta ocasión, o escenario é o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), onde se presentou esta exposición coa que se pretende dar unha maior visibilidade ao subtipo máis agresivo e difícil de tratar dos carcinomas de mama.

O CMTNm aínda non ten cura e as alternativas terapéuticas dispoñibles son limitadas2. Ante o reto de dar solución a esta enfermidade, as pacientes demandan un maior apoio á investigación e innovación. Así o expresa Eloína Núñez, xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela: “A abordaxe multidisciplinar é imprescindible en todas as enfermidades en xeral, e no cancro especialmente. Os obxectivos principais son curar o cancro, diminuír a morbilidade e mellorar a calidade de vida dos nosos pacientes aumentando a supervivencia, sen esquecernos do apoio non só físico, senón psicolóxico e espiritual. A asistencia e a investigación xunto coa innovación en cancro teñen que estar totalmente integradas. Os pacientes forman parte dese equipo multidisciplinar sendo a voz activa do mesmo, e aproveitando toda a tecnoloxía para facer seguimento individual de cada paciente”.

Aplicando tecnoloxía de última xeración -como a visualización de datos, a intelixencia artificial e a robótica- á arte, “Cadros con Esperanza” consegue capturar e transformar nunha serie de nove obras as tres etapas emocionais -diagnóstico, aceptación e futuro- de tres pacientes con cancro de mama tripla negativo metastásico. Desta forma, conséguese poñer o foco no impacto emocional que supón para as persoas con este agresivo carcinoma saber que poderían contar con opcións e como estas poderían axudarlles a cambiar a perspectiva sobre a enfermidade.

“O triplo negativo metastásico é o subtipo con peor prognóstico de todos os tipos de cancro de mama, onde non existe lazo rosa. A maioría das pacientes son novas, teñen unha vida activa, familia e traballo; mulleres para as que cada día conta, para as que as opcións son moi limitadas. Desde Gilead investigamos sen descanso co fin de desenvolver innovacións que nos permitan ofrecer esperanza ás pacientes, cambiar o seu prognóstico e colaborar con todos os axentes implicados para que ofrecer solucións urxentes a estas mulleres”, subliña David Marín, senior BUD Oncoloxía en Gilead.

Por iso, desde a Asociación de Cancro de Mama Metastásico reclaman máis investigación e un maior acceso á innovación para as pacientes que actualmente padecen este tipo de cancro; pero, sobre todo, para as do futuro. Pilar Fernández, paciente de cancro de mama metastásico e presidenta desta asociación, incide en que “o triplo negativo metastásico é o gran esquecido dentro do discurso social do cancro de mama e necesitamos dar visibilidade a esta fase avanzada da enfermidade da que se descoñecen as cifras ou o gran impacto que ten este tumor na vida das pacientes. Dependemos da investigación e os seus avances porque a supervivencia e a calidade vida destas pacientes é moi delicada. Temos que traballar todos xuntos por elas”.

Pola súa banda, o doutor valdeorrés. Rafael López, xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS, agradeceu a posta en marcha de iniciativas como estas para dar visibilidade ás pacientes con CMTNm. De feito, a unidade que dirixe volveu a recibir recentemente a certificación internacional ‘Quality Oncology Practice Initiative’ (QOPI) debido á súa excelencia na atención dos pacientes con cancro. Para este doutor, “as unidades asistenciais han de garantir a máxima calidade asistencial aos pacientes. O cancro é unha patoloxía moi complexa de abordar e constitúe o maior problema sanitario do mundo occidental, polo que todas as iniciativas como ‘Cadros con esperanza’ destinadas a dar visibilidade a este tipo de enfermidades complexas, agresivas e difíciles de tratar son fundamentais para concienciar á poboación da necesidade de previr e de diagnosticar a tempo”.

O acto tamén contou coa asistencia de Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, responsable de clausurar a presentación desta exposición en Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button